O mal tempo dos últimos meses, nos que case non parou de chover, fixo que a preparación dos semilleiros de plantas de pementos de Herbón acumule un retraso de arredor dun mes, segundo contaron onte produtores de Padrón. A finais de xaneiro, a práctica totalidade dos cultivadores aínda non plantaron os viveiros ao aire libre, algo que esperan facer a partir destes días, «se o tempo deixa», precisan. Outros anos, algúns veciños de Herbón xa comezan a finais de decembro coa preparación dos semilleiros, a primeira labor dunha nova colleita.
Si que están na terra os viveiros que se fan a cuberto, neste caso baixo os plásticos dos invernadoiros, e dos que sairán as primeiras plantas que cultivarán pero, tal e como apuntan dúas produtoras, «están feas» debido ao mal tempo que fixo, marcado pola choiva, a humidade e o frío. Precisamente as xiadas son o peor inimigo para as plantas a cuberto, xa que as queima.
De feito, outra produtora considera que, tal e como veu o tempo, cun duro inverno, aínda que as plantas dos pementos estiveran na terra non se lle ía ver a súa medra. Así que, conclúe esta persoa, os viveiros prepárasen a tempo agora xa que, se a partir de agora hai bo tempo e sobre todo boas temperaturas, a planta sae para adiante e véselle as medras día a día.
E mentres as semillas medran na terra, neste caso a cuberto, os produtores xa están preparando os invernadoiros grandes que plantarán no mes de marzo e dos que sairán os primeiros froitos da colleita deste ano. Nesta época, a maior parte dos cultivadores aproveitan para facer as labores de desinfección da terra así como pequenas reparacións das estruturas metálicas e mesmo o cambio do plástico.
Por outra parte, produtores consultados onte fan notar que a deste ano vai ser unha colleita especial xa que, se non hai novidades, está previsto que o pemento de Herbón sexa recoñecido, por fin, coa máxima etiqueta de calidade: a Denominación de Orixe Protexida, unha vez que o expediente xa está en marcha na Unión Europea. Precisamente debido a que a próxima colleita xa se venderá baixo o amparo da Denominación, os produtores acollidos a ela deberán, por primeira vez, facer unha declaración da superficie dos semilleiros para o posterior control das prantas.
Asimesmo, outra cultivadora non esquece tampouco que este é ano Xacobeo e que, por tanto, en Padrón e, sobre todo en Santiago, se agardan a miles de peregrinos e turistas e, por tanto, de potenciais consumidores do pemento de Herbón. De feito, os mercados e bares e restaurantes da capital de Galicia son un dos grandes destinos do pemento padronés.
Por outra banda, dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Pemento de Herbón teñen previsto dirixirse por escrito ao Concello de Padrón para solicitar unha entrevista a fin de debater un tema: a regulación da venda deste produto dentro do concello, de xeito que se faga en zonas debidamente autorizadas e habilitadas para tal fin. Pretende que, sen perxudicar a ninguén, o Concello tome medidas para poñer fin a venda do pemento ao pe da estrada N-550, nunhas condicións que non reúnen as mínimas garantías de sanidade.
En LA VOZ DE GALICIA
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario