miércoles, 13 de enero de 2010

Don Camilo e o Xacobeo

XOSÉ MANUELG. TRIGO

Na mañá do pasado sábado a neve aloumiñaba amorosamente a illa do tesouro de Cela en Iria Flavia. Literatura sobre literatura. Era unha neve entre irónica e saudosa, que tanto podía inspirar unhas malas coplas manriqueñas como uns agres versos quevedianos, ou mesmo evocar outras "neves de antano", coma as neves de Estocolmo, aquel día glorioso de 1989. Xa choveu e xa nevou desde aquela sobre a tumba estremecida e a Fundación desamorada. E ás veces pensa un que talvez máis lle valería ao escritor ter aceptado o cheque en branco (coma a neve) que lle puxo diante unha universidade norteamericana a cambio do seu legado cultural e literario.

Deixo unha camelia -neve na neve- sobre a pedra branca coma una noiva, e esperto a don Camilo para lle contar cousas do século, sempre estimadas nas rexións do alén, porque a curiosidade dos homes é eterna. E coa mesma novédolle que o ano que comezamos a andar é Xacobeo e que pretendemos promocionalo ecumenicamente con este lema:"Agora é cando, Galicia é onde".

-Coño, que retruécano.

Talmente. Merecía ser de Feliciano de Silva, aquel especialista prebarroco.

-La razón de la sin razón que a mi razón se hace, de tal manera mi razón confunde que con razón me quejo de tanta irracionalidad -parafrasea cachondamente o escritor-.

Fai falta unha sibila para entender o lema do Xacobeo co seu xogo superferolítico de planos léxico-referenciais de tempo e espazo, con esa adverbiorrea que non ten perdón do Apóstolo, preterido por uns creativos literaturizantes que se ve que non len boa literatura, coma o Paraíso de Dante, v.g, onde Beatriz, "piena di letizia", lle presenta o Apóstolo ao poeta: "eco el barone per cui là giù si vicita Galizia". Pois isto aínda podería valer de lema para os nosos días: "Ven a Santiago a coñecer Galicia", ou algo parecido na súa sinxeleza e claridade, por respecto aos viaxeiros do mundo.

Neva e chove neste país, pero o peor son as sarabiadas de irracionalidade que de cando en vez hai que aguantar. Total, que fai moito frío, don Camilo.

Coño, sobre todo aquí.

En EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario